4/3/13

BENVIDOS A PEDRA ROSA DE ATIOS

Presentámosvos o Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Ceip plurilingüe de Atios en O Porriño. 

Gustavos a nosa imaxe de cabeceira? É un debuxo de Anxo Pazos Campos. O curso pasado o noso cole cumpliu 25 anos e celebramos un concurso para elexir un logo, e este foi o debuxo gañador, a partir do cal se fixo o logo, e pensamos que é a imaxe perfecta para o noso blogue. 


Queredes saber por que Pedra Rosa de Atios? Pois resulta que o chan porriñés xeoloxicamente é un dos máis ricos do mundo enteiro, pois posúe as canteiras de granito máis produtivas do universo nun só material, como é o denominado Rosa Porriño. En Atios as canteiras de pedra rosa son moi importantes... por iso a revista do cole leva ese nome que é o que eleximos para o blogue. 

O noso principal obxectivo é promover o uso do galego: encántanos a nosa lingua e queremos contaxiar a todo o alumnado e profes que nos visiten. 
Este é un proxecto feito con moitas ganas e ilusión para informar, presentar e dar a coñecer o traballo que levamos a cabo no noso colexio a favor do galego. 

Desexamos que o noso blogue sexa unha xanela sempre aberta para que poidades ver os incribles traballos que fai o noso alumnado, para ensinarvos recursos educativos que atopamos navegando por outros blogues e para compartir algúns materiais que elaboramos con moito esforzo esperando que sexan útiles para todos. 

Gustaríanos recompilar neste blogue as actividades e días especiais que dende o equipo de dinamización da lingua galega organizamos no noso cole. Ademais, de vez en cando recomendaremos algún libro, contaremos un conto ou cantaremos unha canción, disfrutaremos de traballos feitos polo noso alumnado, veremos algunha páxina interesante… e todo o que se nos ocorra para xogar coa lingua galega. 

Acompañádesnos nesta viaxe?

No hay comentarios:

Publicar un comentario