30/4/13

PARA HOXE...UN GRAN BLOGUE!!!

     Aquí vos deixamos o enlace a un gran blogue chamado: CONTAMOS UN CONTO? O seu perfil xa o di todo: porque hai contos para todas as ocasións e todas as ocasións merecen un conto.
     Gozade del e non lle perdades a pista porque vale a pena.
     Noraboa a súa autora dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Ceip plurilingüe de Atios.

29/4/13

OS NOVOS LIBROS PARA A NOSA BIBLIOTECA (1ª parte)

     Hai pouco presentamos a exposición das letras galegas, e contámosvos que alí están expostos os libros de nova adquisición, que escollimos dende o equipo de dinamización da lingua galega para que o próximo curso pasen a formar parte da biblioteca do cole, e pensamos que sería boa idea que tanto o alumnado, coma o profesorado e as familias, vaian coñecendo algunhas novidades dos moitos libros que teñen á súa disposición na biblioteca do cole.
     Todos os que presentamos son da editorial Kalandraka.
     Hai verdadeiras xoias así que vos animamos a que vos acheguedes a velos: ler sempre é unha aventura!


A galiña roxa
Atopou uns grans de trigo, sementounos, recolleu a colleita, foi ao muíño, forneou o pan... Pero nin o can, nin o gato nin o pato lle axudaron a facer todo ese traballo, os moi cómodos e nugalláns.


Gatiño e a neve
...Brancos coma a neve, negros coma o carbón. A amizade entre Gatiño e Coella é o paradigma da integración entre dúas especies que, coma as persoas, poden ser iguais pero diferentes.


Niños
Grandes, pequenos, accesibles, agochados, orixinais, sinxelos... estes paxaros estrafalarios habitan en fogares dispares. Tan diferentes e á vez tan parecidas, as aves suscitan curiosidade e admiración.


Cando sexades pequenos
Invertindo a orde natural, son os nenos os que lles anuncian aos maiores que lles agardaría se volveran á nenez: volver gozar das pequenas cousas, sen convencións nin prexuízos.


O soño de matías
A arte éo todo para Matías. A súa primeira visita a un museo cámbialle a vida e ábrelle as portas a un mundo de formas e cores para plasmar os seus soños sobre lenzos.


Un gorila, un libro para aprender a contar

Un gorila, dous orangutáns, tres chimpancés... e ti. Un álbum ilustrado para aprender a contar na compaña dos primates, que malia seren os parentes máis próximos dos humanos, algunhas especies viven ameazadas.

25/4/13

CONCERTO DIDÁCTICO MUSICAL NO CENTRO CULTURAL CAIXANOVA

     O alumnado de 2º ciclo de primaria acaba de asistir a un concerto didáctico musical a cargo dos gaiteiros da Xistra no Centro Cultural Caixanova de Vigo.
    Foi una experiencia moi bonita na que os nenos e nenas gozaron unha vez máis da actuación desta agrupación musical.
   A xornada comezou cun paseo pola zona marítimo deportiva do náutico de vigo...



     E cando deron as doce chegamos ao destino... "Na procura do tesouro", unha actividade didáctico musical sobre o patrimonio inmaterial:
     Contáronnos a historia de Xurxo, un rapaz que non cría nas lendas dos mouros. Son cousas de vellas!, pensaba. Pero estaba seguro de que aquelas marcas nas pedras do monte, custodiadas pola gran serpe, eran os sinais do mapa do tesouro. Acotío porfiaba en que máis tarde que cedo o había topar. Sabía que no solpor algo misterioso acontecía, que ese era o mellor momento para descifrar os enigmas; pero de todas cantas veces o intentou, nunca pasaba nada, ata que unha noite os cantos da moura espertárono: eran as claves e as probas que Xurxo debería superar...







22/4/13

TARABELOS ESTÁ A PIQUES DE VISITAR O CEIP DE ATIOS NUNHA NOVA OCASIÓN

       Dende o cole de Atios agardamos que chegue a semana das letras galegas para gozar das actividades que dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega nos teñen preparadas, e unha delas será a visita de TARABELOS.
     Nesta ocasión o alumnado de primaria poderá disfrutar, no escenario montado no pabillón para a ocasión, da representación de títeres titulada "AMORIÑOS CONTEI".
     Tarabelos dinos que o espectaculo está formado por unha serie de contos de fontes diferentes, no que se destaca a presenza do amor, pero que non falarán só do amor entre os namorados, senón o amor entre os amigos, o amor a un fillos, o amor a unas zapatillas vellas, o amor as cousas… en fin, amores agochados en cada un destes contos, amores esquecidos, atopados, divertidos, mentireiros, altos pequenos, voadores, mollados… amoriños contados.

      Aquí vos deixamos o seu cartel: 

TARABELOS SENTÍDEVOS BENVIDOS!!!

17/4/13

A UN MES DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS


Dentro dun mes celebramos en Galicia o dia das letras galegas, adicado este ano a Roberto Vidal Bolaño.

A celebración do día das Letras Galegas, cada 17 de Maio, foi instituída no ano 1963 pola Real Academia Galega para conmemorar a publicación do libro de Rosalía de Castro "Cantares Gallegos", un 17 de Maio de 1863 e homenaxear a algún escritor ou escritora en lingua galega.


No noso cole, para ir entrando en materia, montamos unha exposición con axuda dalgúns alumnos e alumnas do centro.

A exposición ten uns carteis sobre o protagonista das letras galegas 2013, para ir coñecendo un pouco máis sobre este promotor do teatro profesional en Galicia e activo defensor dá normalización lingüística.

Ademais de aprender algo sobre o homenaxeado deste ano, podedes ver unha serie de libros que recomendamos dende o equipo de dinamización da lingua galega, libros de nova adquisición que o próximo ano estarán na biblioteca do cole. 


A exposición está montada no primeiro piso e todos estades convidados a vela os martes pola tarde. 
Para os que non teñades a oportunidade de ver a exposición, aquí vos deixamos unha presentación cos carteis sobre Roberto Vidal Bolaño, e estade atentos, porque pronto neste blogue falaremos sobre algún dous contos que expuxemos na mesa de libros.