Levamos uns días gozando da visita do Escornabot, un robot cedido por uns días polo CFR de Vigo co que realizamos actividades de repaso de matemáticas, traballamos o seguimento de instrucións e tamén as emocións.
Todo comezou como un reto pois nin nenas/os nin mestras/es traballáramos antes con el, pero sempre hai unha primeira vez, así que puxémonos mans a obra. Decidimos os contidos que queriamos traballar, comprobamos cantos centímetros avanzaba o Escornabot para crear un taboleiro axeitado aos seus desprazamentos. Collemos unha cartolina e a repartimos en tantas celdas como queriamos que tivese o taboleiro, tendo que medir e repartir o espazo. Unha vez que estivo listo comezamos a darlle forma as tarxetas, tanto as de cuestións como as de resposta. Deseñamos no ordenador un cadro de texto de 12x12 para que as celdas tivesen o tamaño preciso aos movementos do robot. E comezamos a pensar probas matemáticas e as súas respostas para o primer taboleiro, seguimento de instrucións para o segundo, asociándoas coas figuras xeométricas de tal xeito que , ao mesmo tempo que executabamos a orde, repasamos un concepto como o das formas xeométricas e como tiñan cores pois cando dubidabamos tiñamos unha pequena pista. O terceiro taboleiro, decidimos que fose o das emocións pensando situacións onde as empregamos, cando estamos tristes, cando estamos contentos, cando nos enfadamos, cando nos aburrimos ou nos asustamos.
Unha vez que estiveron listas, imprimímolas e a continuación as plastificamos para evitar o seu deterioro. Tivemos que recortalas para que acadasen o tamaño axeitado a celda. Cando xa tivemos todo listo chegou o mellor dos momentos, a hora de xogar! Establecemos quendas de xogo, escollemos a tarxeta, leémola, pensamos como podía chegar o Escornabot a celda de resposta e executamos os movementos mediante os botóns que contén o mesmo, que anteriormente xa a mestra nos explicara o movemento que realizaba cada un deles. E para rematar poñiamolo a funcionar e comprobabamos se o fixeramos ben ou se cometeramos algún erro. Nas primeiras sesións de traballo houbo algún que outro falliño pero coa axuda dos compañeiros logramos solventalos e conseguir que o Escornabot chegase con éxito.
Aquí podedes ver unha pequena mostra de todo o proceso. Divertido, non si?
No hay comentarios:
Publicar un comentario